1/9/08

Palistroque

Acórdome cando o panadeiro nos regalaba un palistroque. Devecíamos por el.

Feve (II)

Acórdome cando colocábamos cravos, puntas e parafusos nas vías do tren. Coidadosamente, con cinta adhesiva. Pasaba o tren nun suspiro e quedaban planiñas, e parecíannos preciosas chaves para diarios e cofres inexistentes.

Feve (I)

Acórdome cando fun en tren por primeira vez. De Viveiro a Burela e de Burela a Viveiro. Que lento ía e que rápido se me fixo. Azul e verde.

Reirrei

Acórdome de cando atopabamos un reirrei e o pousabamos na mao para dicir: "rei rei cantos anos vivirei, vintecinco, non o sei, un, dous, tres, catro...", ata que marchaba de novo.